Avancemos na construción dun novo referente do galeguismo político e da esquerda nacional

Comunicado de Espazo EcoGaleguista
Avancemos na construción dun novo referente do galeguismo político e da esquerda nacional
Construamos un espazo da esquerda renovadora desde a radicalidade democrática
16 de maio de 2012
1. O Espazo EcoGaleguista valora positivamente o avance na mesa de diálogo entre AGA, EI, +G e mais EcoGaleguistas para constituír un novo proxecto político situado no galeguismo e na esquerda transformadora.
2. Na mesa de grupos reunida onte, 15 de maio día da indignación cívica, en Compostela aceptouse unanimemente a proposta de EcoGaleguistas de reiniciar o proceso asembleario baixo tres criterios mínimos: o impulso multilateral, a apertura á sociedade 'extramuros' do que foi o BNG e as convocatorias de base local, ademais de limitar temporalmente o proxecto por mor da convocatoria electoral.
3. Con todo, e dado que os ritmos e os procesos de cada colectivo son diferentes, este acordo non foi posible e só foi posible asinar un acordo político e programático entre AGA, +G e mais EcoGaleguistas, froito do traballo realizado no "obradoiro de ideas" das pasadas semanas.
EcoGaleguistas valora como clave para a rexeneración democrática a mobilización dos indignad@s durante este ano

Para EcoGaleguistas existe un antes e un despois do movemento de indignad@s que o 15 de maio de hai un ano sacou ás prazas a milleiros de persoas.
Un movemento que situou con forza a necesidade de denunciar que a gobernanza global esta en mans dos oligopolios e polo tanto que participamos dunha democracia que ten 'as cartas marcadas' e por outra facer fincapé que o cambio vira dado por dinámicas de resistencia e mobilización pacificas hexemónicas que abranguen 'ao 99% da poboación afectada pola crise sistémica fronte a un 1% beneficiada por ela'.
No aniversario deste movemento que ten coincidido cun esgotamento do armazón político-institucional saído da transición, os EcoGaleguistas valoran positivamente o seu papel neste ano, onde tiveron que plantar cara aos sectores máis reaccionarios da sociedade e facerse un oco na axenda política e social.
EcoGaleguistas constitúese como partido 2.0 para a cooperación política

O próximo sábado 26 de maio EcoGaleguistas constitúese nun novo instrumento político.
Atrás quedan seis meses de traballo, desde que o pasado 9 de decembro lanzáramos un manifesto-decálogo para a construción dun proxecto da esquerda nacional ecosocialista e renovadora.
Moitas cousas teñen ocorrido neste tempo, algunha mesmo impensables ao inicio deste proceso. As mesmas teñen confirmado a nosa intención de constituírnos nun colectivo a favor da construción dun espazo nacional moderno e cooperativo, pensando unicamente en Galicia e no Ben Común.
Somos conscientes que aínda que o traballo feito deunos moitas alegrías e moito esforzo de reagrupamento, de re-interpretación de ideas, de re-invención de linguaxes, … o traballo empeza agora.
Imos constituírnos nun partido de ‘novo tipo 2.0’. Un partido coas mínimas estruturas de coordinación, sen estruturas locais, sen interese por competir senón de colaborar, non para ser un ‘lobby’ de poder senón un motor de novas interpretacións, de novas ideas, de novas solucións.
Un partido aberto, con dirección política aberta aos adherid*s; cun Consello Aberto onde participen simpatizantes e membros da esquerda social. Un partido con data de caducidade cando se dean as condicións culturais para os necesarios procesos de converxencia. (ver documento político files/NOVAS_IDEAS_PARA_O_SECULO_XXI_DOCUMENTO_IDEAS_ECOGAL.pdf)
Pero a esquerda nacional e o galeguismo político é, afortunadamente, amplo e plural. Por iso a nosa aposta é a vertebración dunha Cooperativa Política, formateada xuridicamente nunha federación de partidos, que a súa vez cedan toda a soberanía á cidadanía, nas asembleas locais, nos referendos ou primarias, nas listas desbloqueadas e na limitación de mandatos,…
O Valedor do Pobo debe dimitir e abrirse unha investigación sobre o orzamento do seu departamento
Benigno López carece de lexitimidade e da dignidade precisa para ocupar este ou calquera outro cargo público que implique a defensa da cidadanía
A imparcialidade política e a defensa dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas recoñecidas na Constitución e que figuran no art. 1 do Cap. I da Lei 6/1984 de 5 de xuño, modificada polas leis 3/1984 de 18 de xullo, 1/2002 de 26 de marzo e 8/2008 de 10 de xullo, sobre o Valedor do Pobo, veñen de ser incumpridas de xeito evidente por Benigno López, que preside esta institución dende 2007.
A recente resolución tomada por este cargo público –no que debería primar os intereses da cidadanía galega-, na que afirma que os recortes levados a cabo ata agora polo Goberno son “xustos, imprescindibles e necesarios”, e mesmo chegar a pedir a “suspensión da Lei de Dependencia ata que comece a recuperación económica”, tiveron a súa guinda no condicionante de tais afirmacións: “o Estado de Benestar é totalmente irreal”.
Ante tais afirmacións, que propiciaron a dimisión da Vicevaledora do Pobo Dolores Galovart (por pura coherencia), ECOGALEGUISTAS esixe a dimisión inmediata de Benigno López toda vez que, ademais de agredir dialecticamente ao pobo galego que sufre as dramáticas consecuencias deses recortes, incumpre a propia lexislación que rexe o seu cargo.
No artigo 5 da antedita Lei, explicítase no punto cuarto que “O Valedor do Pobo de Galicia cesará …/… “por notorio incumprimento das obrigas e deberes do seu cargo”.
Máis artigos
- Un pequeno paso para a política, un grande paso para o país
- Faise necesario un novo impulso democrático que aborde o transito a un modelo de xefatura de estado republicano
- O encontro programático de EcoGaleguistas aposta por un novo proxecto común que aborde as novas realidades e os novos suxeitos sociais
- EcoGal alerta sobre a relación entre a deriva recentralizadora do PP e o desmantelamento do estado de benestar




